Saturday 20 de April de 2024

Os Museos Científicos Coruñeses recuperan o acceso libre ás súas instalacións condicionado aos aforos


A plataforma de reserva de entradas seguirá estando dispoñible para garantir o acceso en caso de superarse o máximo de persoas permitidas

A rede de Museos Científicos Coruñeses dan un paso máis cara a normalidade tras a pandemia. Nesta ocasión recupérase o acceso libre ás instalacións, sempre condicionado ao aforo máximo permitido en cada momento.

As persoas que acudan á Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae poderán acceder directamente aboando a entrada correspondente, sempre e cando o aforo do museo, que agora é do 100% segundo as directrices autonómicas, non estea completo. Ademais, manterase o servicio de reserva de entradas empregado durante todo este ano. Isto permitirá garantir o acceso ás instalación en caso de que o aforo chegue ao 100%.

A reserva previa das entradas poderá realizarse, con un máximo de tres días de antelación, nas plataformas habilitadas para a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Haberá un 50% de aforo para entrada libre e outro 50% para reservas. Nos días de especial afluencia, como poden ser as xornadas de portas abertas, priorizarase o acceso con reserva.

Desde os Museos Científicos Coruñeses amosan a súa satisfacción con este novo sistema, que permite controlar eficazmente o aforo en diferentes franxas horarias, ademais de posibilitar que as persoas de fóra da cidade planifiquen mellor a súa visita.

Hai un mes que a Casa das Ciencias e a Domus reabriron as súas salas de exposicións interactivas tras a flexibilización das restricións pola pandemia a nivel autonómico. Ademais, este mesmo mes abríronse as reservas da campaña do curso escolar para que as nenas e nenos regresen aos museos durante este curso.